O Concello trasladou á unidade técnica da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a necesidade de acometer obras integrais nas dúas únicas cubertas que aínda non foron rehabilitadas no centro educativo Ponte dos Brozos. Este complexo, que data do ano 1974, conta con preto de 1.300 alumnos distribuídos en varios edificios segundo as súas idades.
As copiosas chuvias rexistradas durante este inverno destaparon a necesidade de actuar nestas dúas últimas cubertas, onde se detectaron filtracións que afectan ao normal desenvolvemento da actividade escolar. O Concello de Arteixo informou que, dentro das súas competencias de mantemento, acometerá diversas obras nas próximas semanas para paliar a situación de xeito inmediato, aínda que a renovación integral e definitiva das cubertas correspóndelle á administración autonómica.
Nos últimos anos, a Xunta de Galicia foi acometendo diversas fases de rehabilitación integral nos edificios que forman o Ponte dos Brozos en colaboración co Concello. Estas melloras incluíron o cambio de fachadas, cubertas e iluminación, así como a instalación de ascensores e rampas para garantir a accesibilidade total do complexo.
Investimento histórico en educación
Esta nova solicitude prodúcese nun contexto de importante esforzo investidor nas infraestruturas educativas de Arteixo. O pasado verán, a Xunta xa actuou en 2.400 metros cadrados de cubertas no propio Ponte dos Brozos. Actualmente, tamén se están a realizar obras de rehabilitación integral no instituto Manuel Murguía. Entre ambas as dúas actuacións, o investimento total ascende a 1,7 millóns de euros.
A estas cifras hai que sumar a ampliación do IES A Pastoriza, cun orzamento superior aos 2,1 millóns de euros. En total, o investimento da Xunta en instalacións educativas no concello de Arteixo nos últimos meses elévase case ata os 4 millóns de euros, reafirmando o compromiso coa modernización dos espazos onde se forma a mocidade do noso municipio.
