O Judo Club Arteixo, en colaboración co Concello, organiza para os vindeiros 24 e 25 de xaneiro un evento triplo que situará ao municipio no epicentro do deporte base e inclusivo de Galicia. O Pazo dos Deportes de Arteixo será o escenario dunha fin de semana intensa na que se agarda a participación de máis de 1.000 judokas e unha afluencia de público que podería acadar as 2.000 persoas.
A programación arrancará o sábado 24 de xaneiro coa celebración dunha nova xornada da Liga de Judo Rías Altas. Esta competición, referente no norte de Galicia, contará con arredor de 700 competidores de todas as categorías de base.
Tras a competición oficial, a xornada do sábado continuará coa I Xornada de Judo Paralímpico e A-Judo (Judo Adaptado). Esta iniciativa pioneira céntrase na inclusión deportiva de alumnos con diversos tipos de discapacidade e busca tamén a captación e formación de técnicos especializados neste ámbito.
O domingo 25 de xaneiro o protagonismo será para a Xuntanza Familiar – Judo en Familia. O obxectivo desta actividade é fomentar a convivencia entre deportistas, técnicos e familias, reforzando os valores do deporte e os vínculos dentro do club a través dunha participación activa e lúdica.
Con este evento, o Judo Club Arteixo e o Concello reafirman o seu compromiso coa formación, a integración e a promoción do deporte base, consolidando a Arteixo como un referente deportivo de primeiro nivel.
