Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Un libro-disco reúne a poetas e cantantes de Arteixo

/ Un libro-disco reúne a poetas e cantantes de Arteixo

O Concello patrocina a publicación de «Arteixo, un mar de versos e música», un libro-disco ideado e desenvolvido polo músico Sindo Otero que propón un percorrido pola creación literaria e musical vinculada ao municipio. O proxecto, froito de tres anos de traballo, combina poesía, composicións musicais e memoria cultural a través dunha escolma de textos de oito autores relacionados con Arteixo: Antón Castro, Dora Vázquez, Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Óscar García Ramos, Pablo Mariño, Paco Souto e Xosé Iglesias.

A publicación nace coa vontade de reivindicar a riqueza cultural e literaria de Arteixo e achegarse ás voces dos seus escritores e aos espazos que forman parte da súa memoria persoal e colectiva. O propio Sindo Otero define a iniciativa como unha serie de «achegamentos aos escritores», un traballo no que a música foi o punto de partida e que acabou converténdose nun proxecto multidisciplinar no que dialogan as letras, as melodías e as lembranzas.

Un dos elementos máis singulares da obra é a incorporación de oito códigos QR, un por cada autor, que permiten acceder a gravacións audiovisuais de conversas realizadas polos propios escritores nos seus lugares preferidos. No caso dos autores falecidos, o proxecto procurou manter viva a súa memoria a través das persoas máis próximas a eles, como familiares e achegados.

O disco incorpora tamén referencias a figuras e episodios especialmente significativos para a historia e a identidade de Arteixo. Entre elas destaca unha homenaxe a Arsenio Iglesias, o inesquecible adestrador arteixán, a través dun texto de Antón Castro que recupera a súa personalidade, a súa retranca e a pegada que deixou na memoria colectiva. Tamén está presente a lembranza de Diego Bello, empresario e surfista arteixán asasinado en Filipinas, nunha composición que reivindica a súa figura.

No apartado musical, o traballo destaca pola variedade de estilos e instrumentos. Ademais da guitarra de Sindo Otero, participan o produtor musical Nacho Varela, que conta cun estudo en Suevos, e as voces de Amanda Villamar, Betty Queiro e Franki Lafuente, tres intérpretes locais que contribúen a dotar a obra dunha marcada identidade arteixá. O álbum incorpora arranxos con piano, percusión, baixos e violíns, nunha proposta ecléctica que traslada ao ámbito musical a diversidade das voces literarias reunidas.

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, agradeceu o esforzo e a dedicación de Sindo Otero para sacar adiante unha iniciativa que contribúe a poñer en valor o patrimonio cultural do municipio. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, María Dubra, destacou o carácter colectivo da publicación e a importancia de apoiar propostas que permiten difundir a creación artística local, recuperar voces imprescindibles da cultura arteixá e dar visibilidade aos seus autores e profesionais.

A presentación oficial de «Arteixo, un mar de versos e música» terá lugar o vindeiro 14 de novembro no Auditorio do Centro Cívico de Arteixo. Ademais, Sindo Otero ten previsto levar posteriormente o proxecto de xira polas distintas parroquias do municipio, co obxectivo de achegar esta proposta cultural a todos os recunchos de Arteixo e converter a poesía e a música nun punto de encontro coa identidade e a historia local.