O departamento de xuventude organiza este sábado, 20 de xuño, unha nova xornada  de Arteixoven no entorno do Paseo Fluvial e o Parque Central. A programación estenderase desde as 12:00 ata as 23:00 horas e recolle propostas de carácter gratuíto centradas na creatividade, o deporte e a música.

O bloque deportivo matinal contará con sesións de judo no Parque Central entre as 12:00 e as 14:00 horas, xunto con partidos de fútbol coordinados polo F.C. Pastoriza na pista multideporte. A exhibición de radio control do club local desenvolverase ao carón da igrexa de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, mentres que o xadrez ocupará a praza da Igrexa de 16:00 a 18:00 horas.

A programación cultural inclúe obradoiros permanentes de reciclaxe téxtil e de figuras de cartón desde o mediodía. A Asociación Xuvenil Xiradela impartirá un taller de pandeireta ás 12:00 horas e outro de baile tradicional ás 13:00 horas no anfiteatro do Paseo Fluvial, espazo que tamén acollerá a clausura do seu curso ás 18:00 horas. A Escola de Música Municipal ofrecerá unha actuación ás 12:15 horas no escenario do campo da Igrexa.

Pola tarde, Studio 154 dirixirá un taller de baile en familia ás 16:30 horas no escenario do campo da Igrexa, e Mar de Cores realizará unha actividade de papel maché e modelado ás 17:00 horas na carpa da igrexa. O apartado musical nocturno pecharase no escenario do campo da Igrexa cos concertos de Leite con Jalletas, programado de 20:00 a 22:00 horas, e de Tapa d’Orella, que actuará de 22:00 a 23:00 horas