Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Concello instala 111 paneis solares na potabilizadora de Sabón

PUBLICACIÓN

O Concello instala 111 paneis solares na potabilizadora de Sabón

19 Oct, 2026 | NOTICIAS

O Concello, a través da empresa pública SUMARTE, impulsa a eficiencia enerxética da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Sabón coa instalación dun sistema solar fotovoltaico de autoconsumo formado por 111 paneis e cunha potencia de 64,38 kWp. A instalación permitirá xerar electricidade renovable para cubrir aproximadamente o 20 % do consumo eléctrico anual da planta.

A actuación foi adxudicada á empresa Instalaciones Eléctricas Coruñesas (INSTELEC) por un importe de 58.363,44 euros, IVE incluído, e enmárcase no proxecto Arteixo/SUMAGUA, integrado no PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga e financiado con fondos europeos NextGenerationEU.

Segundo as previsións do proxecto, os paneis producirán uns 81.200 kWh de electricidade renovable ao ano. Esta xeración permitirá un aforro económico estimado de entre 13.000 e 14.000 euros anuais e evitará a emisión de arredor de 33 toneladas de CO₂ cada ano.

O sistema incorpora tecnoloxía de monitorización e autoconsumo sen vertedura de excedentes á rede. Deste xeito, contribuirá a reducir os custos enerxéticos asociados ao abastecemento municipal de auga potable e a mellorar a sustentabilidade das infraestruturas hidráulicas de Arteixo.

A instalación fotovoltaica súmase ás actuacións realizadas polo Concello para reforzar o abastecemento de auga no municipio. En 2024 rematou a construción dunha nova potabilizadora para tratar a auga do encoro de Sabón, cun investimento aproximado de 1,5 millóns de euros, así como un novo depósito de 4.000 metros cúbicos de capacidade, ao que se destinaron 409.000 euros.

Esta infraestrutura permite garantir a calidade da auga mediante procesos de eliminación de algas e filtración de impurezas, ademais de reforzar a capacidade de abastecemento para atender as necesidades futuras de Arteixo e das instalacións da súa contorna, como o Porto Exterior e o polígono industrial de Sabón. O novo depósito funcionará de maneira compatible co depósito existente, de 20.000 metros cúbicos, segundo as necesidades do sistema.