O Concello celebrou hoxe unha comisión de urbanismo de seguimento para informar os grupos políticos sobre os avances no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Segundo informaron os técnicos municipais, a empresa redactora, Monteoliva Arquitectura, finalizou o envío das peticións de informes preceptivos a diversos organismos da Xunta de Galicia e da Administración do Estado, entre os que se atopan Patrimonio Cultural, Augas, Medio Ambiente e a Subdelegación do Goberno.
O novo plan estratéxico ten como prioridade absoluta a posta en valor do patrimonio natural e cultural do municipio. Neste sentido, o documento deberá ser coherente coa integración do litoral de Arteixo na Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte e na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Así mesmo, prevese unha actualización do catálogo de xacementos castreños e arquitectura civil e relixiosa para garantir a súa protección.
O PXOM tamén afronta o reto de consolidar o potente tecido industrial de Arteixo, reforzando o posicionamento estratéxico do parque empresarial de Morás, o polígono de Sabón e o Porto Exterior de Punta Langosteira. Finalmente, o plan busca modernizar as infraestruturas, mellorar a mobilidade e fixar poboación no rural, potenciando o equilibrio entre os núcleos urbanos consolidados e o crecemento orgánico das parroquias.
