Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Cultura convoca a segunda edición do certame de teatro amador Premios amArte

/ Cultura convoca a segunda edición do certame de teatro amador Premios amArte

A Concellaría de Cultura anuncia a apertura da convocatoria para o II Certame de Teatro Amador: Premios amArte 2026. Esta iniciativa, estreada en 2025, intégrase novamente na programación cultural de primavera Prim’ART co obxectivo de fomentar a creación escénica non profesional.

A publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) inicia o procedemento para que compañías afeccionadas de Galicia e do resto do Estado presenten as súas propostas. As agrupacións interesadas dispoñen dun prazo de dez días naturais para formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica municipal.

Un comité técnico cualificado seleccionará cinco obras finalistas que serán representadas no Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía. O calendario de funcións establece como datas de representación os días 15, 16, 22 e 23 de maio, finalizando a carteleira o 5 de xuño.

O certame establece un recoñecemento económico á calidade artística con dúas categorías principais: un premio de 500 euros para o mellor espectáculo segundo o criterio do público e outro de 500 euros outorgado por un xurado especializado. Así mesmo, cada un dos cinco grupos seleccionados para a fase de exhibición recibirá unha contía directa de 400 euros en concepto de participación. As bases completas poden consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica e no BOP da Coruña.