Filtro xeral
Filtro xeral

O Concello executará a partir do vindeiro luns labores de reparación e mellora do firme na Travesía de Meicende. A intervención estenderase ata o mércores e afectará ao ámbito comprendido entre o cruce coa Avenida do Butano e a rotonda de entrada ao núcleo de Meicende. As obras requirirán o corte dun dos carrís de circulación, polo que a administración local establecerá un dispositivo especial de tráfico. Recoméndase o uso de vías alternativas como a AC-552 para evitar retencións.

O calendario de afeccións deseñado polos técnicos municipais comezará o luns vinte e cinco de maio. Ese día prohibirase o estacionamento na marxe dereita da vía, en sentido Meicende cara á Coruña, entre as oito da mañá e as oito da tarde, procedendo ao corte efectivo do devandito carril a partir das dez da mañá. Durante as xornadas do martes vinte e seis e do mércores vinte e sete de maio, a restrición de aparcamento e o corte de carril trasladaranse á marxe esquerda da calzada no mesmo sentido de circulación, mantendo idénticos horarios de actuación. Ao longo destas tres xornadas, o paso de vehículos de ambos os dous sentidos regularase de xeito alternativo mediante a instalación de semáforos na zona de obras.

Estes traballos teñen un carácter previo e serven para acondicionar a base da estrada antes do inicio doutro proxecto de maior envergadura previsto para dentro dun mes. Trátase da renovación integral do sistema de iluminación pública de todo o corredor viario que enlaza Meicende co polígono de Sabón. Esta actuación estrutural, que abarcará uns seis quilómetros de lonxitude, implicará tamén a modificación e modernización de varios pasos de peóns. Unha vez que rematen as tarefas nos pasos peonís e a canalización do novo alumbrado, estenderase a capa de asfaltado definitivo sobre o firme que se vai consolidar esta semana.

O plan global de modernización lumínica mellorará substancialmente as infraestruturas dos núcleos de Meicende, Pastoriza, Sol y Mar e Oseiro. O proxecto técnico recolle a substitución de todos os equipos actuais por novas luminarias de tecnoloxía LED instaladas sobre columnas de aceiro galvanizado. O novo sistema incorporará unha plataforma de telexestión punto a punto que facilitará o control da rede en tempo real pola administración local, axilizando a detección de avarías e reducindo os tempos de reparación ante calquera incidencia de subministración.