A Rede Municipal de Bibliotecas inicia os meses de abril e maio cunha intensa axenda cultural para conmemorar o Mes do Libro. Baixo o lema de compartir historias e imaxinación, as distintas bibliotecas do termo municipal ofrecerán sesións de contacontos, obradoiros temáticos e actividades de animación á lectura para diversos rangos de idade.
Un dos fitos destacados será a celebración do Feirón o vindeiro sábado 25 de abril. A partir das 10:00 horas, as bibliotecas trasladarán a súa actividade á rúa para regalar libros procedentes de doazóns e expurgo. A xornada contará ademais coa animación de Teatro Calavera para o público infantil a partir das 11:30 horas.
A programación habitual estrutúrase principalmente para menores de entre 4 e 11 anos, aínda que se manteñen os espazos específicos de «bebecontos» para crianzas de 1 a 3 anos acompañadas dun adulto. Así mesmo, a Biblioteca Central «Henrique Rabuñal» manterá a súa aposta pola narración oral para público adulto, con sesións matinais a cargo do narrador Caxoto.
Dende o departamento de Cultura lémbrase que todas as actividades teñen aforo limitado e requiren de inscrición previa obrigatoria, que deberá formalizarse chamando por teléfono a cada unha das bibliotecas participantes (Oseiro, O Froxel, Pastoriza ou a Central).
Pode consultar a programación completa e o calendario detallado de cada centro no seguinte enlace: https://palabradebiblioteca.wordpress.com/2026/03/24/mes-do-libro-nas-bibliotecas-de-arteixo-contacontos-obradoiros-bebecontos-e-feiron/
