Arteixo prepara unha edición especialmente simbólica da súa Feira Histórica Arteixo 1900. A cita alcanzará este ano a súa vixésimo quinta edición e celebrarase os días 16, 17 e 18 de outubro baixo o lema “25 anos de lembranzas”.
A celebración deste aniversario permitirá recuperar a memoria das 25 edicións dunha feira que, ao longo do tempo, percorreu diferentes momentos e aspectos da historia e da cultura galegas. O agro, as lendas, os oficios tradicionais, a moda, a emigración, os muíños, os pazos ou o papel da muller foron algúns dos eixos temáticos abordados durante estes anos, xunto á homenaxe a figuras como Manuel Murguía ou Castelao.
A Feira Histórica converteu a vila de Arteixo nun espazo de recreación histórica e participación cidadá, cunha implicación destacada da veciñanza e do tecido asociativo local. A recuperación de costumes, indumentarias e formas de vida doutras épocas forma parte da identidade dunha celebración que chega agora aos seus 25 anos.
A edición deste ano terá ademais un carácter especial polo aniversario. A organización prepara diferentes propostas e momentos vinculados a estas dúas décadas e media de historia da feira, aínda que o programa completo se dará a coñecer nos próximos días.

O Concello de Arteixo anima a veciñanza a participar nesta XXV edición e a recuperar, unha vez máis, a indumentaria e o ambiente propio da época para contribuír a transformar as rúas da vila durante a celebración.
A programación e as novidades da Feira Histórica Arteixo 1900 iranse publicando nas canles oficiais do Concello de Arteixo a medida que se achegue a cita.
