O Concello recibiu o proxecto para a transformación integral da travesía da Groufa, unha vía que conecta a Travesía de Arteixo coa avenida de Fisterra e que será renovada por completo cun investimento de 616.000 euros.
Antes de licitar as obras, o Concello solicitará á Deputación da Coruña a cesión da estrada provincial DP-0512, co obxectivo de asumir a súa xestión e acometer unha actuación que permitirá modernizar unha infraestrutura que quedou obsoleta co paso do tempo.
O proxecto contempla a ampliación e renovación da calzada e das beirarrúas para garantir a accesibilidade e a continuidade dos percorridos peonís. Tamén se renovarán os pavimentos e as redes de servizos públicas e privadas, incorporando criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética.
A actuación inclúe ademais a mellora da sinalización horizontal e vertical, a renovación da iluminación pública, a creación dunha nova zona de contedores, a instalación de novo mobiliario urbano e a habilitación de paradas de autobús con marquesiñas en ambos os dous sentidos de circulación.
O obxectivo é crear un espazo público máis seguro, accesible e funcional, favorecendo a convivencia entre peóns e vehículos e mellorando a conexión entre a Travesía de Arteixo e a avenida de Fisterra.
Na actualidade, esta vía presenta problemas de accesibilidade e episodios de conxestión, especialmente nas conexións coa Travesía de Arteixo e coa AC-552. A futura reforma da Travesía de Arteixo mellorará a mobilidade da contorna, pero esta actuación permitirá completar esa transformación renovando tamén unha das conexións máis importantes do núcleo urbano.
A intervención terá unha lonxitude de 277 metros e suporá un novo paso na modernización da rede viaria secundaria de Arteixo, mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza.

