A Autoridade Portuaria da Coruña finalizou a habilitación dunha nova zona de aparcamento de vehículos na contorna do Porto Exterior de Punta Langosteira, unha actuación destinada a mellorar o acceso á praia de Sabón e a ordenar o uso público deste espazo litoral no concello de Arteixo.
Este novo aparcadoiro, que supuxo un investimento de 40.000 euros, consta de 48 prazas gratuítas, unha delas para persoas con mobilidade reducida. Estará operativa a partir de mañá sábado e dará servizo fundamentalmente ás persoas usuarias da praia de Sabón, contribuíndo a mellorar a accesibilidade e a seguridade nunha área que experimentou un crecemento progresivo de visitantes nos últimos anos.
Esta actuación intégrase nun proxecto máis amplo impulsado pola Autoridade Portuaria, no marco das iniciativas de relación porto-cidade. Incluíu a mellora dos accesos ao contradique do Porto Exterior e a creación dun itinerario peonil e ciclista que conecta os percorridos xa existentes na contorna portuaria coa rede de sendeiros litoral do municipio. En concreto, habilitouse un sendeiro de 400 metros de lonxitude e 4,50 metros de ancho que enlaza a contorna do acceso ao contradique co camiño que se dirixe cara á praia de Sabón.
A intervención permite dar continuidade á rede de itinerarios peonís e ciclistas da costa de Arteixo, que alcanza xa preto de 11 quilómetros de lonxitude. Este sistema de sendeiros arranca en Punta Langosteira, fronte ao porto de Suevos, e discorre paralelo ao peche perimetral do Porto Exterior ao longo de aproximadamente 4 quilómetros executados pola Autoridade Portuaria. A partir de aí, o itinerario continúa por vías de titularidad municipal cara á praia de Sabón e prolóngase polo litoral de Arteixo pasando por Repibelo, Valcobo e Barrañán, completando outros 6,4 quilómetros de rutas peonís e ciclistas que bordean a costa.
La creación do aparcamento complementa esta rede de mobilidade sostible, facilitando o acceso tanto a peóns como a ciclistas, bañistas e afeccionados ao surf, mellorando a convivencia entre os usos recreativos e a contorna portuaria. Coa posta en servizo do novo aparcamento, a Autoridade Portuaria e o Concello de Arteixo dan un novo paso na mellora da accesibilidade ao litoral e na ordenación dos fluxos de visitantes, compatibilizando a actividade portuaria co uso público e o gozo da contorna natural.

