A Travesía de Meicende rexistrará cortes de tráfico mañá, sábado, entre as 08:30 e as 18:00 horas, debido aos traballos de reparación da base da estrada. Os planos adxuntos recollen os tramos afectados e a información concreta sobre as restricións á circulación.
Esta intervención forma parte das obras de renovación integral do alumeado no corredor viario que conecta Meicende e Sabón, nun percorrido duns seis quilómetros, desde a rotonda de entrada a Meicende ata a glorieta de Sabón.
Os traballos actuais permitirán reparar a base da estrada, unha actuación necesaria para executar posteriormente o asfaltado definitivo. O proxecto tamén contempla cambios nos pasos de peóns, que se realizarán dentro dun mes, no marco da renovación integral da iluminación. Unha vez realizadas estas intervencións, poderá acometerse o asfaltado definitivo.
A modernización do alumeado beneficiará os núcleos de Meicende, Pastoriza, Sol y Mar e Oseiro. O proxecto inclúe a instalación de luminarias con tecnoloxía LED e novas columnas de aceiro galvanizado, así como un sistema de telexestión punto a punto que permitirá controlar a rede en tempo real, detectar incidencias e axilizar as reparacións.
Recoméndase consultar os planos dos cortes e planificar os desprazamentos tendo en conta as restricións previstas.
