Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Auditorio de Arteixo acolle a estrea da peza teatral «Nas nubes» de Redrum Teatro

/ O Auditorio de Arteixo acolle a estrea da peza teatral «Nas nubes» de Redrum Teatro

O departamento de cultura continúa coa súa programación este venres, 27 de marzo, coa representación da obra «Nas nubes», a cargo da compañía Redrum Teatro. A cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía.

A peza, escrita por José Luis Baños de Cos e dirixida por Alex Sampayo, foi recoñecida co XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques de adultos en 2022. A trama explora, dende unha perspectiva cómica e provocadora, os límites da identidade humana fronte á influencia tecnolóxica e os soños persoais.

O elenco conta coa participación dos recoñecidos actores Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo. A función ten unha duración estimada de 60 minutos e está dirixida ao público adulto.

As localidades poden adquirirse tanto de xeito presencial no despacho de billetes como a través da plataforma de venda online do Concello, cun prezo xeral de 4 euros e unha tarifa reducida de 3 euros.