O Festival de Sisalde presentouse hoxe no contorno da fraga de Sisalde, nun acto no que participaron o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; a concelleira de Contratación e Turismo, Patricia Amado; Bieito Romero, de Luar na Lubre, e Nuria Naya, do grupo Entresons.
A concelleira de Contratación e Turismo destacou que o festival nace coa vontade de recuperar o espírito das antigas «romarías populares», nas que se combinaban a xornada en familia nun contorno natural e a música. Neste sentido, salientou a calidade do cartel e a presenza de formacións como Luar na Lubre, que celebra os seus 40 anos nos escenarios e presenta o seu novo disco, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre e Entresons.
A programación combinará música folk e tradicional con actividades para todos os públicos. O recinto contará cun espazo dedicado á artesanía galega, con 19 postos procedentes de diferentes puntos de Galicia, entre eles os oleiros de cerámica negra de Gundivós. Os máis pequenos tamén poderán participar en diferentes propostas pensadas para desfrutar do contorno natural da fraga.
A xornada contará ademais con postos de comida, con propostas como polbo e churrasco, para aqueles asistentes que prefiran non levar a súa propia comida.
O festival dará comezo ás 12.00 horas coa actuación de diferentes bandas de gaitas e prolongarase ata a medianoite, cunha programación centrada na música tradicional e na cultura galega.
Patricia Amado destacou tamén a colaboración dos veciños e veciñas de Sisalde, que participan activamente na organización dun festival promovido polo Concello de Arteixo.
