O Concello de Arteixo e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar formalizaron hoxe un convenio de colaboración destinado ao desenvolvemento dos períodos de formación práctica do alumnado do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais.
O acordo foi subscrito polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez. O obxectivo principal é facilitar que os estudantes que se forman no municipio poidan completar a súa aprendizaxe mediante prácticas en centros de atención a persoas maiores dependentes xestionados polo Consorcio, tanto en Arteixo como na Coruña.
Grazas a esta colaboración, o alumnado poderá desenvolver actividades nunha contorna laboral real baixo a supervisión de titores especializados, o que garante unha mellor preparación para a súa futura inserción profesional. O Concello de Arteixo asumirá a contratación dos seguros de accidentes e responsabilidade civil, así como as obrigas coa Seguridade Social, mentres que o Consorcio garante que os centros cumpren con todas as normativas de seguridade e hixiene.
O convenio ten unha vixencia de catro anos prorrogables por outros catro. Con esta firma, ambas as dúas institucións reforzan o seu compromiso coa formación de calidade e coa mellora continua dos servizos destinados á atención das persoas maiores dependentes.
