O Concello inicia as obras de humanización e regularización viaria dun tramo da travesía de Oseiro, na estrada AC-415. A actuación, cun orzamento de 660.000 euros e financiada nun 60 % con fondos europeos FEDER a través do plan EDIL, permitirá mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria nunha zona de elevada circulación de vehículos.
Os traballos desenvolveranse entre a glorieta de Sabón e o número 28 da travesía, un tramo que conecta diferentes núcleos de poboación e soporta un importante volume de tráfico pola súa proximidade ao polígono industrial de Sabón. Segundo as estimacións municipais, máis de 12.500 vehículos circulan diariamente por este punto.
O proxecto ten como un dos seus obxectivos principais mellorar as condicións de mobilidade peonil. Para iso, ampliaranse as beirarrúas existentes, habilitarase un novo tramo de beirarrúa onde actualmente non existe e modificarase a sección da vía mediante o desprazamento do eixe da calzada. Os novos itinerarios contarán con pavimentos homoxéneos e antiescorregadizos e sinalización táctil, conforme á normativa vixente en materia de accesibilidade.
A intervención tamén contempla a modificación dos pasos de peóns, que serán retranqueados e disporán de zonas de refuxio para facilitar os cruzamentos. Ademais, mellorarase a iluminación específica destes puntos para incrementar a visibilidade e reforzar a seguridade de peóns e condutores.
No ámbito dos servizos públicos, soterraranse as actuais liñas aéreas de electricidade e telefonía e renovarase o alumeado público mediante tecnoloxía LED e sistemas de telexestión, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e optimizar o funcionamento da instalación.
O proxecto inclúe tamén a rehabilitación do firme, a renovación da sinalización horizontal e vertical e actuacións en determinados tramos das redes de saneamento de augas fecais e pluviais. Así mesmo, adecuarase a parada de autobús situada á altura do punto quilométrico 0,050 e instalarase novo mobiliario urbano.
As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas por un importe de 660.000 euros. O financiamento europeo FEDER, que cobre o 60 % do investimento, enmárcase no plan EDIL que está a executar o Concello de Arteixo.
O Concello terá en conta a intensidade circulatoria da AC-415 para organizar os traballos e minimizar as afeccións ao tráfico. As actuacións que poidan xerar maiores dificultades, especialmente a apertura de gabias e a renovación do asfaltado, programaranse preferentemente en horario nocturno e fóra das horas punta. Tamén se habilitarán cortes alternativos de carril, regulados mediante semáforos ou sinalistas, para manter a circulación na medida do posible.
Con esta intervención, Arteixo continúa desenvolvendo actuacións de renovación e humanización dos espazos públicos nos seus núcleos de poboación. A obra permitirá transformar este tramo da travesía de Oseiro nun espazo máis equilibrado, no que a circulación rodada poida convivir con itinerarios peonís accesibles e seguros.

