O Concello inicia a segunda fase da implantación do sistema de apertura con chave electrónica do contedor orgánico nos núcleos urbanos de Oseiro, Sol y Mar, Vilarrodís, Pastoriza e Meicende.
O sistema implica que só poderán abrir o contedor aqueles veciños que estean inscritos nun programa medioambiental que lles suporá unha rebaba do recibo do 15%, é dicir, pasarán de pagar 62,92 euros a 53,48 euros semestrais. Aqueles que non queiran seleccionar a fracción de orgánico poderán depositar os seus residuos no contedor de Resto como ata o de agora, mantendo a taxa habitual.
A primeira fase desta implantación levouse a cabo no núcleo de Arteixo e xa superou a cifra de 1.300 fogares inscritos nos dous programas de mellora da fracción orgánica a través dos cales se pode lograr esta rebaba. Concretamente, no núcleo urbano de Arteixo estase preto de acadar os mil solicitantes da tarxeta electrónica para o contedor, mentres que hai case trescentos inscritos que solicitaron un composteiro que o concello ofrece de forma gratuíta para tratar os residuos orgánicos nunha finca da súa propiedade (medida coa que o ámbito rural tamén accede ao 15% de desconto).
Agora o concello completa o programa co resto dos núcleos urbanos e a posibilidade de solicitar a tarxeta electrónica, unha vez que se instalen os dispositivos nos contedores orgánicos respectivos. Así, o Concello instalará paulatinamente un peche dixital no contedor de orgánico co obxectivo de que só poidan depositar esa fracción aqueles que teñan realizado a selección de residuos adecuada. Débese lembrar que os contedores de orgánico son os máis sensibles á entrada de outros residuos, xa que unha bolsa con residuos inadecuados depositada nel pode “manchar” o resto do contido e inhabilitar para o seu reciclaxe todo o contedor. Os veciños que se sumen terán que solicitar unha tarxeta electrónica que mediante un sistema dixital lles permitirá abrir o contedor e depositar alí os seus restos nunha bolsa compostable. Para a súa apertura, só hai que achegar a tarxeta á dereita do pictograma instalado no contedor ata que se acenda a luz verde ou se escoite o sinal de apertura.
Os veciños que desexen acollerse á rebaba do 15% do recibo do lixo poderán solicitar a chave electrónica de varias maneiras: realizando todos os trámites a través da web www.arteixo.org, poñéndose en contacto co correo bonificacionrsu@arteixo.org e tamén acudindo en persoa á casa consistorial en Arteixo, no horario habitual polas mañás e, ata o vindeiro 18 de xuño, nun horario especial de tarde de 16.00 a 18.00 horas.
Sea a través da administración electrónica ou de forma presencial, só haberá que cubrir unha solicitude (declaración responsable) cos datos do propietario titular da vivenda. O formulario pódese obter e presentar na web municipal ou presencialmente na casa consistorial. É imprescindible presentar o DNI. Unha vez presentada a solicitude, recíbese a tarxeta electrónica e accédese ao desconto da taxa que se pagará neste ano 2026.
Hai que recordar que Arteixo municipalizou o servizo de recollida de residuos en 2018 e foi o primeiro concello de Galicia en instalar novas illas de contedores de cinco contedores adaptadas aos parámetros de reciclaxe que pide a Unión Europea. Estas illas reforzaron o reciclaxe das cinco fraccións principais de residuos: restos orgánicos, vidro, papel-cartón, envases lixeiros e a denominada fracción resto, que inclúe aqueles elementos que non entran nas outras fraccións e tamén está destinada a aqueles veciños que non poidan separar os seus residuos domésticos.

