O Concello de Arteixo pon en marcha diversos programas de recollida selectiva co obxectivo de fomentar a separación eficiente dos residuos, reducir os custos de tratamento e incrementar a reciclaxe e recuperación de materiais. A iniciativa aplica o principio ambiental de quen contamina paga, de maneira que o custo da xestión dos residuos se vincula á cantidade e tipoloxía xerada por cada usuario.
A partir do 17 de novembro, tanto a veciñanza como as actividades económicas poderán solicitar a súa participación nos programas dispoñibles, contribuíndo á protección do medio ambiente e beneficiándose de incentivos fiscais asociados á correcta segregación dos residuos. Entre os programas destacan a compostaxe individual, a recollida de fracción orgánica —limitada inicialmente ao núcleo de Arteixo na súa fase de probas—, a recollida porta a porta de papel e cartón, o sistema VACRI para vidro, a recuperación de comida e a instalación de colectores privados para fraccións monomateriais e biorresiduos.
As vivendas participantes poderán acceder a unha redución do 15 % na cota fixa anual, ben a través da compostaxe individual ou da separación de materia orgánica en colectores públicos, mentres que as actividades económicas obterán descontos do 5 % ao 12 % segundo o número de programas nos que participen.
As persoas interesadas deberán presentar unha declaración responsable no Rexistro Xeral ou a través da Sede Electrónica, confirmando o seu compromiso de cumprir as obrigas do programa escollido. Posteriormente, o Concello contactará cos solicitantes para concretar a súa participación e garantir unha correcta asignación. De forma excepcional, e co obxectivo de facilitar a tramitación durante os primeiros días, o Concello habilitará atención presencial no Rexistro Municipal de luns a xoves, en horario de 16:30 a 18:30 horas.
