Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Novo parque infantil de 800 metros cadrados en Vilarrodís

PUBLICACIÓN

Novo parque infantil de 800 metros cadrados en Vilarrodís

23 Sep, 2026 | NOTICIAS

O Concello ampliará a zona de ocio infantil situada nas proximidades do centro de saúde de Vilarrodís coa creación dun novo parque de 800 metros cadrados. O proxecto contará cun investimento de 460.000 euros e dará resposta á demanda existente nunha zona cunha elevada densidade de poboación.

O actual espazo infantil, duns 200 metros cadrados, quedou pequeno para as necesidades da contorna. A nova instalación situarase na parcela situada na parte posterior do centro de saúde de Vilarrodís, actualmente en desuso, e próxima tamén á Escola Infantil de Vilarrodís.

A parcela presenta unha pendente en sentido norte-sur cara ao vial aberto recentemente polo Concello na súa parte inferior. O proxecto terá en conta as características físicas do terreo e a súa relación cos percorridos perimetrais para acondicionar o espazo e facilitar o seu uso.

A nova zona infantil estará equipada con elementos de xogo deseñados para ofrecer diferentes posibilidades de actividade e favorecer a inclusión. O proxecto contempla especificamente a incorporación de elementos multisensoriais destinados a estimular os sistemas auditivo, propioceptivo, táctil, vestibular e visual, mediante equipamentos como teléfonos, tambores, escaleiras, tobogáns, paneis táctiles, carruseis, randeeiras e paneis de cores.

A accesibilidade será outro dos aspectos fundamentais da actuación. Para iso empregaranse pavimentos de caucho reciclado que cumpran a normativa e permitan reducir a gravidade das lesións en caso de caída. Tamén se incorporarán transicións entre superficies que faciliten o desprazamento das persoas que utilizan axudas para a mobilidade.

O deseño buscará, ademais, que nenos e nenas con diferentes capacidades poidan participar nas mesmas actividades. Para iso, o parque contará con equipamentos con distintos valores de xogo e diferentes niveis de desafío, de maneira que cada menor poida atopar opcións adaptadas ás súas posibilidades e preferencias.

O alcalde, Carlos Calvelo, sinalou que o proxecto permitirá dar resposta á demanda existente e mellorar tanto o número de xogos como o carácter inclusivo do actual espazo infantil.

“Creo que con este proxecto cumpriremos a demanda dos veciños de ampliar o actual parque infantil e melloralo en canto a número de xogos e no seu carácter inclusivo”, explicou.