Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Torneo Memorial David Eiroa celebra este sábado a súa cuarta edición no campo municipal Ponte dos Brozos

/ O Torneo Memorial David Eiroa celebra este sábado a súa cuarta edición no campo municipal Ponte dos Brozos

O Torneo Memorial David Eiroa celebrará este sábado 5 de setembro a súa cuarta edición no Municipal Ponte dos Brozos , que por primeira vez será a sede única dunha competición que mantén o formato de doce equipos da categoría infantil.

A cita homenaxea a David Eiroa, falecido en 2022, que estivo vinculado ao fútbol desde moi pequeno e para quen este deporte representaba unha forma de entender a vida, gozar e compartir cos amigos.

O torneo contará este ano coa participación de Bertamiráns F. C., Racing de Ferrol, Victoria C. F., R. C. Celta de Vigo, Montañeros C. F., C. D. Calasanz, Ural F. C., R. C. Deportivo de A Coruña, E. D. Xuventude Oroso, Atlético C. Arteixo, Pabellón C. F. de Ourense e S. D. Conxo. Estes dous últimos equipos son as novidades desta edición.

A historia do Memorial David Eiroa comezou en 2023 cun triangular entre Deportivo, Calasanz e Montañeros, tres clubs nos que militou David. Na segunda edición, celebrada en 2024, o torneo ampliouse a seis equipos e incorporou as eliminatorias. Nas seguintes edicións o número de participantes duplicouse ata chegar aos doce conxuntos actuais.

Esta cuarta edición preséntase ademais cun spot que pon o foco no valor do deporte e na súa capacidade para crear comunidade. A peza foi realizada polo director e creador Mateo García Barreiro, un dos fundadores do Colectivo Ánimas.

O Memorial é unha iniciativa da Asociación David Eiroa, organizada xunto ao Atlético Club Arteixo, club anfitrión do Municipal Ponte dos Brozos, e conta co apoio do Concello de Arteixo e a colaboración de Gadis.

O torneo estivo patrocinado en anos anteriores por Atmósfera Sport. Na actualidade, este acordo mantense a través da Fundación Tabe, creada co obxectivo de preservar o legado benéfico e deportivo de José Luis Tabeayo.