Arteixo volverá converter as súas rúas nun escenario dedicado á memoria e ás tradicións coa celebración da XXV Feira Histórica Arteixo 1900, que terá lugar os días 16, 17 e 18 de outubro baixo o lema “25 anos de lembranzas”. A programación combina propostas culturais, música, teatro, xogos tradicionais, gastronomía e actividades organizadas coa participación de asociacións e colectivos locais.
A feira comezará o venres 16 pola tarde coa proposta “25 anos de historia: Arteixo acende a memoria”, que incluirá unha comparsa infantil e o contacontos “O contador de luces”. Durante a tarde desenvolveranse tamén obradoiros, bailes de época, xogos populares e o espectáculo sobre rodas “Cabicivai”. Ás 20:00 horas, o Auditorio do Centro Cultural de Arteixo Manuel Murguía acollerá “Bailen as vellas. Os contos das cereixas”, mentres que ás 21:00 horas terá lugar o pasarrúas “O retorno da Santa Compaña”. A primeira xornada rematará na Praza do Balneario con actuacións musicais de Bouba, Alana e Tapa d’Orella.
O sábado 17 concentrará boa parte da actividade da feira. A xornada comezará ás 11:00 horas con “Arteixo máxico”, antes da inauguración oficial ás 12:00 horas e do percorrido pola feira coa AC Triskell e os grupos do programa de Familias. Durante o día haberá representacións teatrais, actividades dos grupos de maiores, o XIV Encontro “Tecendo lazos”, exposicións de fotografías e obxectos antigos, propostas das asociacións veciñais, postos de alimentación e os espazos gastronómicos da Taberna de Picadillo e do Furancho.
A programación do sábado inclúe tamén actividades para diferentes idades, entre elas xogos tradicionais, o campionato de xogos populares por equipos das Aldeadas, pasarrúas, espectáculos familiares e “Cantos de taberna”. Ás 22:00 horas celebrarase a Cea baile 1900 no Pazo dos Deportes, amenizada polo Dúo Caramelo. A música continuará na Praza do Balneario con Ortiga, 9Louro e Terrae.
O domingo 18 a feira continuará desde a mañá con “Radio Baiuca EAJ 1900”, un obradoiro infantil, unha foliada itinerante da Escola de Música Entresons e diferentes pasarrúas. A partir das 13:30 horas celebrarase a sesión vermú “De Ruada con Fransy González” e a AX Xiradela. Pola tarde están previstos o concerto de Pakolas e o espectáculo “Historias para escagarriñarse”, antes do fin de festa ás 18:30 horas con Os Revenidos acompañados pola Banda de Música Santiago de Arteixo.
A programación complétase con diferentes exposicións e espazos dedicados á memoria. Entre eles figura unha mostra de selos, billetes antigos e artesanía en madeira na Sala de Exposicións do CCC de Arteixo Manuel Murguía, aberta do 8 ao 18 de outubro, así como “O recuncho da memoria”, unha exposición de fotografías e obxectos antigos da AXPA instalada na carpa situada a carón da igrexa.
Durante a feira tamén se habilitarán diferentes espazos de alimentación e restauración e estarán en funcionamento o Mercado 1900, a Taberna de Picadillo e o Furancho. As persoas maiores de 18 anos que queiran participar nas Aldeadas deberán realizar a inscrición previa indicada pola organización.
A Cea baile 1900, para maiores de 12 anos, ten un prezo de 25 euros. As entradas poderán adquirirse no despacho de billetes do CCC de Arteixo Manuel Murguía entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro. O aluguer de traxes tamén estará dispoñible durante os días previos á feira.
O programa inclúe ademais un Punto Violeta na Praza do Balneario, que funcionará o venres e o sábado de 21:30 a 1:30 horas. No caso de choiva, algunhas das actividades poderán trasladarse de ubicación.
Pódese descarregar o programa completo neste enlace.
