Inicio > Dobre cita co teatro no Outono Cultural de Arteixo esta fin de semana

/ Dobre cita co teatro no Outono Cultural de Arteixo esta fin de semana

O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía acolle esta fin de semana dúas representacións teatrais incluídas na programación Outono Cultural, deseñada pola Concellería de Cultura.

A primeira cita será o venres 27 de novembro ás 20:30 horas con «Mozas nas Redes» de aAntena Teatro, un espectáculo unipersoal protagonizado por Estíbaliz Veiga. A actriz incorpora catro mozas adolescentes de diferentes estratos sociais, con distintas aptitudes académicas e situacións familiares. Cada unha delas relata o momento no que foi forzada a facer algo que non quería. As protagonistas comunícanse a través dos seus teléfonos móbiles e ordenadores e tratan de identificar os seus espazos de conflito e os seus lugares de confort. Trátase dunha obra dirixida ao público maior de 14 anos. As entradas teñen un prezo de 3 e 2,25 euros e poden adquirirse online neste enlce. 

O sábado 28, ás 20:00 horas, será a quenda de «Ruido», de Ditirambo Teatro. A obra conta a historia de Gabo, un idealista que acaba no cárcere tras perpetrar unha sabotaxe contra unha granxa de pitiños. Atormentado polo ruído que impera no mundo e polos danos ocasionados no galiñeiro, organiza un motín cos seus compañeiros de prisión para recuperar a liberdade e dar voz aos seus propios pensamentos.

A peza aborda a represión das ideas nunha sociedade marcada pola crispación, a mentira e a violencia. A entrada é libre.