Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O II Certame de Teatro Amador «Premios amArte 2026» entra na súa recta final coas últimas tres obras finalistas

/ O II Certame de Teatro Amador «Premios amArte 2026» entra na súa recta final coas últimas tres obras finalistas

O Auditorio CCC de Arteixo Manuel Murguía acollerá as representacións das últimas tres producións finalistas do II Certame de Teatro Amador «Premios amArte 2026» entre o 22 de maio e o 5 de xuño. As funcións ofrecerán propostas de comedia social, drama histórico e suspense con acceso gratuíto e sen reserva previa ata completar a capacidade do recinto.

A programación arrancará o venres 22 de maio ás 20:30 horas coa obra «O Randiña», da Asociación Dramatúrxica Pico do Castro de Foz. Esta peza para todos os públicos ten unha duración de 60 minutos e aborda a marxinación social a través das vivencias dun vagabundo.

O sábado 23 de maio ás 20:30 horas representarase «Os mortos tamén falan», da Asociación de Teatro Arroutada de Carral. A obra sitúa a súa trama de suspense e segredos familiares nunha cociña galega da década de 1990 e está recomendada para maiores de 7 anos.

O ciclo finalizará o venres 5 de xuño ás 20:30 horas coa peza «El Legado», a cargo da Asociación Teatral El Telón Negro de Segovia. O drama está dirixido ao público adulto e céntrase na loita dunha emigrante española por recuperar a identidade da súa familia desaparecida na ditadura arxentina.