Unha imaxe do noso paseo marítimo resultou a gañadora do concurso fotográfico #LugaresDeEncontro, convocado pola Concellería de Turismo para seleccionar as doce imaxes que ilustrarán o Calendario de Arteixo 2027. A entregaa de premios, no Museo Mar de Sorrizo, contou coa participación da concelleira de Turismo, Patricia Amado, e do concelleiro de Facenda, Emilio Maceiras.
Filippo Giraldi obtivo o primeiro premio cunha fotografía sacada hai dous anos, nun paseo pola costa para ver a posta do sol. Alejandro Couto Nicolau acadou o segundo posto, e Mónica Rial Dosil foi a terceira clasificada. Os outros nove premios corresponderon a Cristina López García, Juan de Pedro, Ana Lombardero Vázquez, con dúas fotografías premiadas, Meri García, Javier Villaverde Doval, tamén con dúas imaxes seleccionadas, Carmen Corbal Godoy e Cristina Fernández Bartolomé.
O certame propuxo á cidadanía fotografar os seus lugares de encontro favoritos en Arteixo, entendidos como espazos de convivencia, reunión e interacción social. Praias, rúas, prazas, parques, paseos, mercados e outros lugares da vida cotiá podían formar parte das propostas presentadas.
As doce fotografías seleccionadas pasarán a formar parte do calendario municipal de 2027, unha publicación que cada ano achega unha visión do municipio a través das imaxes da súa veciñanza. Con esta iniciativa, o Concello busca fomentar a participación cidadá e poñer en valor os espazos que contribúen á identidade local e á vida comunitaria.
O concurso combina así a creación fotográfica coa promoción do patrimonio cotián de Arteixo, dando protagonismo ás persoas que viven e coñecen o municipio e aos lugares nos que se desenvolven as relacións sociais.
