O Concello construirá un novo pavillón de deportes na zona escolar e deportiva da avenida de Arsenio Iglesias. A instalación terá preto de 7.000 metros cadrados e contará co dobre de pistas deportivas que o actual Pazo dos Deportes, ao que complementará para ampliar a capacidade das infraestruturas municipais.
O proxecto suporá un investimento próximo aos sete millóns de euros. O Concello encargará nas próximas semanas a redacción do proxecto de execución e prevé incluír unha primeira partida orzamentaria para esta infraestrutura nos orzamentos de 2027, actualmente en elaboración e que ten intención de tramitar a finais deste ano.
A nova instalación situarase nun dos principais puntos de concentración de equipamentos educativos e deportivos do municipio, onde se atopan cinco centros educativos, o complexo de piscinas de Arteixo, o estadio municipal Ponte dos Brozos e o Pazo dos Deportes. A actuación busca ampliar as posibilidades para a práctica deportiva e dotar o municipio dunha infraestrutura adaptada ás necesidades actuais e futuras.
Arteixo conta con 16.000 persoas inscritas nalgunha das instalacións deportivas municipais. Segundo os datos do Concello, unha de cada dúas persoas residentes utiliza estes servizos, que se reforzaron nos últimos anos con actuacións en diferentes equipamentos.
Entre as intervencións máis recentes destaca a renovación dos dous campos de fútbol de Meicende, rematada este verán tras un investimento próximo aos 1,6 millóns de euros en dúas fases. As obras incluíron a substitución do céspede artificial, a renovación das bancadas para mellorar a accesibilidade e outras actuacións relacionadas coa seguridade e coa mellora das instalacións, utilizadas por preto de 1.100 persoas cada semana.
O Concello tamén realizou obras de renovación nos campos de fútbol do complexo Ponte dos Brozos e impulsou outras infraestruturas, como o complexo de piscinas de Pastoriza-Meicende e o campo de fútbol de Pastoriza.


