A actriz galega Victoria Teijeiro, gañadora do I Certame “Fondo de Apoio a Proxectos Singulares para a Mellora Social 2025” da Deputación da Coruña, anuncia o inicio dos obradoiros gratuítos de “ComunitArte”. Este proxecto innovador ten como obxectivo crear un espectáculo inclusivo que se representará en espazos públicos da provincia antes das festas de Nadal.
Os obradoiros, que comezarán o vindeiro 23 de setembro, están dirixidos a persoas con e sen diversidade funcional e desenvolveranse nos concellos de Arteixo, A Coruña e Sada. No caso de Arteixo, as sesións celebraranse os martes no Centro Cívico Cultural Manuel Murguía.
O resultado dos obradoiros será un espectáculo conxunto coa participación de sesenta intérpretes. As representacións finais están programadas para a praza de María Pita na Coruña, o Auditorio Pintor Lloréns en Sada e o Anfiteatro de Arteixo, co obxectivo de ofrecer unha mostra de talento e inclusión en escenarios de referencia.