Arteixo vivirá este sábado unha intensa xornada deportiva coa celebración de dous eventos de referencia nas súas respectivas disciplinas: o Campionato Galego de Skate e o V Stage de Judo Costa da Morte.
O Skatepark será o escenario do Campionato Galego de Skate nas modalidades de Rampa e Street. A competición comezará ás 15:00 horas Durante a mañá,entre as 12:00 e as 14:00 horas, serán os adestramentos oficiais
Por outra banda, o Pazo dos Deportes acollerá o V Stage de Judo Costa da Morte, unha cita xa consolidada dentro do calendario nacional de formación e tecnificación deste deporte. O evento está organizado polo Judo Club Arteixo en colaboración co Servizo Municipal de Deportes.
Nesta quinta edición participará Saeid Mollaei, judoca de prestixio internacional, campión do mundo e subcampión olímpico, que compartirá os seus coñecementos e experiencia a través de diferentes sesións de adestramento.
A organización prevé a asistencia de arredor de 200 judocas procedentes de distintos puntos de España, convertendo Arteixo nun importante punto de encontro para deportistas, técnicos e afeccionados ao judo.
Coa celebración destes dous eventos, Arteixo reafirma a súa aposta polo deporte e pola organización de actividades que contribúen á promoción da práctica deportiva, a formación e a convivencia.
