Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O pleno de marzo debaterá un investimento de 700.000 euros para a humanización integral do barrio das Repúblicas

PUBLICACIÓN

O pleno de marzo debaterá un investimento de 700.000 euros para a humanización integral do barrio das Repúblicas

18 Mar, 2026 | NOTICIAS, NOTICIAS PLENOS

O goberno municipal elevará ao pleno da vindeira semana unha modificación orzamentaria de 700.000 euros co obxectivo de licitar un ambicioso proxecto de urbanización e humanización no núcleo urbano. A actuación afectará a seis vías do barrio coñecido popularmente como «as Repúblicas»: as rúas República do Salvador, Nicaragua, República de Cuba, Honduras, Costa Rica e Cidade de Montevideo.

O proxecto, que abrangue un ámbito de máis de 5.000 metros cadrados, contempla a construción e o alargamento de beirarrúas, a renovación total dos pavimentos e a modernización do alumbrado público con criterios de eficiencia enerxética. Así mesmo, renovaranse as redes de sumidoiros, pluviais e auga potable, e dotarase a zona de novo mobiliario urbano para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria.

O alcalde, Carlos Calvelo, salientou que esta intervención supón «a mellora dunha das zonas máis poboadas do núcleo de Arteixo á que nunca se lle dera un tratamento integral». A obra busca eliminar a monotonía dos espazos públicos, fomentando as relacións veciñais mediante a creación de zonas de descanso e a instalación de elementos vexetais.

Melloras no abastecemento e servizos Ademais da humanización, o pleno tratará a aprobación dunha obra urxente de abastecemento consistente na substitución dun colector procedente de Penamoa (A Coruña) que abastece ao bombeo de Sobrado, en Meicende. Esta infraestrutura sufriu diversas roturas debido á súa antigüidade, polo que a súa renovación considérase prioritaria.

Reforzo da recollida de residuos Finalmente, tramitarase a autorización de gasto bianual para a adquisición dun novo camión de recollida de residuos, grazas a unha doazón de 490.000 euros de Inditex. O vehículo destinarase especificamente a reforzar a recollida porta a porta da fracción orgánica (biorresiduos), co obxectivo de optimizar a calidade do material enviado para a fabricación de compost.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso