Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Concello abre un novo aparcadoiro na Travesía de Arteixo con 26 prazas

PUBLICACIÓN

O Concello abre un novo aparcadoiro na Travesía de Arteixo con 26 prazas

19 Jun, 2026 | NOTICIAS

O Concello abriu ao público un novo aparcadoiro situado no inicio da Travesía de Arteixo, na zona máis próxima ao cruzamento de Sabón. A actuación, integrada nas obras de urbanización que se están executando nesta vía, permitiu habilitar 26 novas prazas de estacionamento nun punto estratéxico do casco urbano.

Este novo espazo dá servizo a unha área con importante actividade comercial e administrativa, na que se atopan establecementos de hostalaría, as dúas notarías do municipio e diversos negocios que precisan dunha maior oferta de aparcamento.

As obras da Travesía de Arteixo continúan avanzando a bo ritmo. Nos últimos meses completouse a maior parte das demolicións previstas, incluídas as cinco vivendas situadas na contorna do cruzamento coa estrada de Morás (DP-0512), un dos puntos que maiores problemas de tráfico xeraba debido á súa estreiteza e ás dificultades para o paso e xiro de vehículos de grandes dimensións.

A actuación forma parte do proxecto de humanización da Travesía de Arteixo, cun investimento próximo aos 3,6 millóns de euros. A primeira fase abrangue o tramo comprendido entre a rotonda de Sabón e o cruzamento das rúas Reconquista e Independencia, cunha lonxitude de preto de 1,8 quilómetros.

O proxecto busca compatibilizar a mobilidade de vehículos e peóns nunha zona na que residen arredor de 2.600 veciños, mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade do espazo público.

A actuación completa desenvolverase en tres fases ao longo de máis de 3,3 quilómetros e incluirá novos aparcadoiros, zonas de descanso para peóns, rotondas para regular o tráfico, renovación de firmes e beirarrúas, melloras na sinalización e a ampliación da rede de iluminación pública con tecnoloxía LED.

O alcalde, Carlos Calvelo, destacou que esta actuación «pretende mellorar unha zona moi habitada do casco urbano de Arteixo e continuar impulsando solucións integrais de urbanización que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza».