O Concello participou do 3 ao 5 de novembro no terceiro encontro transnacional da rede de transferencia PARKS, enmarcada no programa europeo URBACT IV e celebrado na cidade húngara de Veszprém.
O encontro marcou o inicio da fase de adaptación da rede e centrou os seus traballos no segundo ámbito temático de transferencia: o modelo Green Council, unha iniciativa orientada a fomentar a participación dos axentes locais e a colaboración entre os distintos departamentos municipais na planificación e xestión dos espazos verdes urbanos.
Durante as xornadas, as cidades participantes compartiron experiencias, coñeceron boas prácticas e analizaron os principais retos e oportunidades relacionados co desenvolvemento e a xestión da infraestrutura verde urbana. Entre as actividades destacadas figurou o Nature-based Solutions (NBS) Marketplace, un espazo de intercambio no que os socios da rede presentaron e exploraron solucións baseadas na natureza, de pequena escala e potencialmente transferibles aos seus respectivos municipios.
Para Arteixo, a participación neste encontro supuxo unha oportunidade para coñecer outros modelos de xestión, intercambiar experiencias con cidades europeas e explorar novas perspectivas que poidan contribuír a mellorar a planificación e xestión dos seus espazos verdes.
En particular, o traballo desenvolvido permitirá afondar na posible adaptación do modelo Green Council á realidade municipal de Arteixo, explorando fórmulas para reforzar a coordinación entre as diferentes áreas do Concello e incorporar a participación dos axentes locais e da comunidade na toma de decisións. O obxectivo é avanzar cara a unha xestión máis integrada e transversal da infraestrutura verde, conectando as políticas municipais coas necesidades e oportunidades do territorio.
Este traballo terá continuidade a través do Grupo Local URBACT (ULG) de Arteixo, un espazo de colaboración e intercambio entre os distintos axentes implicados que será clave para desenvolver propostas concretas adaptadas ao contexto e ás prioridades do municipio.
A rede PARKS permite que as cidades participantes aprendan unhas das outras, compartan coñecementos e adapten boas prácticas ás súas propias realidades, convertendo a cooperación europea nunha ferramenta para impulsar actuacións e mellorar as políticas públicas locais.
O Concello de Arteixo agradece á cidade de Veszprém a súa acollida e a todos os municipios socios da rede a súa colaboración, participación e disposición para compartir experiencias e coñecementos.

