O Auditorio Manuel Murguía acolle o vindeiro venres 30 de outubro, ás 19.00 horas, a representación de Molto Barroco, a nova proposta teatral da compañía Píscore. Trátase dun espectáculo cómico e familiar, dirixido a público a partir dos cinco anos, que achega a música clásica e a época barroca aos espectadores a través do humor, o ritmo e o xogo escénico.
Cunha duración de 60 minutos, a obra traslada o público á corte real, onde o compositor oficial recibe o encargo de crear unha peza orixinal para o baile de petición de man da prometida do rei. Mentres tenta compoñer a súa obra coa axuda dos seus tres músicos de cámara, unha serie de situacións inesperadas converten o traballo nunha divertida comedia de enredo.
O triángulo amoroso entre o rei, a súa prometida e o propio compositor, unido ás trasnadas dun bufón irreverente, dá lugar a unha sucesión de situacións cómicas e momentos de complicidade co público.
A proposta está dirixida por Fran Rei e conta cun elenco formado por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas. Os intérpretes combinan a música en directo con disciplinas como a danza, os malabares e o humor físico, nunha posta en escena que busca achegar a música clásica a novos públicos dun xeito ameno e accesible.
As entradas teñen un prezo de 3 euros para a tarifa xeral e de 2,25 euros para a reducida. Poderán adquirirse no despacho de billetes do Auditorio Manuel Murguía unha hora antes do comezo da función ou a través da plataforma de venda en liña aquí.
Molto Barroco ofrece así unha proposta cultural para gozar en familia e descubrir a música e o universo barroco a través do teatro, a comedia e a interpretación musical en directo.
