O alcalde Carlos Calvelo participa hoxe en Madrid no pleno anual da Red Innpulso (Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación). Durante a sesión, celebrada na sede do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, avaliouse o traballo desenvolvido no último exercicio e procedeuse á definición do Plan de Traballo para o ano 2026.
Arteixo forma parte oficial deste foro, que actualmente integra a 112 cidades de todo o Estado. A Red Innpulso funciona como un espazo de encontro para o deseño de políticas locais innovadoras, onde os municipios comparten experiencias, proxectos e boas prácticas na xestión pública. Dentro da categoría de municipios de entre 20.001 e 100.000 habitantes, Arteixo foi distinguido xunto a outras localidades como Aspe, Castro-Urdiales ou Granollers.
A participación nesta rede estratéxica permitirá ao Concello de Arteixo ter un mellor acceso a fondos europeos destinados á implantación de tecnoloxías de última xeración. O obxectivo final é garantir o acceso da cidadanía a servizos e contidos TIC de carácter público que melloren a súa calidade de vida, fomenten a educación e dean visibilidade ao deporte de base e feminino.
A inclusión de Arteixo nesta rede tamén supón un recoñecemento aos esforzos realizados en materia de mobilidade, como o sistema de transporte público municipal e o servizo de bicicletas, así como a aposta polo medio ambiente coa creación do centro de interpretación marina Museo Mar de Sorrizo.
O alcalde, Carlos Calvelo, valorou moi positivamente esta integración: «Sitúanos na primeira liña de acceso a solucións innovadoras para mellorar os servizos aos cidadáns. Xa fomos pioneiros en Galicia co noso plan de residuos ou o transporte público, e queremos seguir avanzando da man dos concellos máis innovadores de España».

