Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Este mes comeza a obra do novo parque infantil e zona de biosaludables de Candame

PUBLICACIÓN

Este mes comeza a obra do novo parque infantil e zona de biosaludables de Candame

4 Jun, 2026 | NOTICIAS

O Concello vén de adxudicar á empresa Jardinería Arce as obras para a creación dun novo parque infantil e unha zona de lecer no barrio de Candame por un importe de 338.000 euros, IVE incluído.

A actuación permitirá humanizar unha parcela de máis de 16.000 metros cadrados situada entre a rúa Aurelio Aguirre e a rúa Pastor Díaz, un espazo que actualmente permanece sen uso e cuberto unicamente por céspede. O proxecto completa as recentes obras de urbanización realizadas na zona, nas que se dotou ao barrio de novas beirarrúas, iluminación pública e mobiliario urbano.

O novo parque infantil contará con doce elementos de xogo de última xeración certificados segundo as normas europeas de seguridade. Entre eles destacan un carrusel e un baloiro combinado inclusivos, deseñados para favorecer o xogo compartido entre nenos e nenas con diferentes capacidades, así como xogos musicais, tobogáns de ladeira e elementos de trepa.

Toda a área de xogos disporá de pavimento continuo de caucho amortecedor e valado perimetral para reforzar a seguridade dos usuarios.

O proxecto inclúe tamén unha zona de descanso e actividade física para persoas adultas. Neste espazo instalaranse elementos biosaludables, entre eles unha bicicleta estática e aparellos para exercicio de brazos, ademais dunha área estancial equipada cunha pérgola de madeira e aceiro que proporcionará amplas zonas de sombra.

A actuación completarase coa instalación de bancos, mesas, unha fonte de auga potable e novas redes de iluminación e rega.

Esta intervención constitúe a segunda fase da mellora urbanística de Candame. A primeira fase, rematada a comezos de 2025 cun investimento de 524.000 euros, permitiu urbanizar as rúas Manuel Murguía, Rogelio Aguirre e Rosalía de Castro, dotando ao barrio de infraestruturas básicas e espazos públicos máis accesibles e funcionais.

Coa construción deste novo parque infantil e da zona biosaludable, o Concello continúa avanzando na creación de espazos públicos de calidade para o lecer, a convivencia e a práctica de hábitos saudables.