Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Concello licita por 183.000 euros a xestión dos residuos do Punto Limpo

PUBLICACIÓN

O Concello licita por 183.000 euros a xestión dos residuos do Punto Limpo

30 Oct, 2026 | NOTICIAS

O Concello saca a concurso público a contratación dun xestor autorizado para facerse cargo dos residuos perigosos e non perigosos que se almacenan no Punto Limpo municipal. O contrato conta cun orzamento base de licitación de 183.000 euros e terá unha duración inicial de dous anos, aínda que os pregos contemplan a posibilidade de dúas prórrogas anuais.

O servizo abrangue os residuos procedentes tanto das achegas directas da veciñanza como dos traballos de recollida que realizan os operarios municipais nas distintas parroquias. Entre os materiais que se almacenan nas instalacións figuran electrodomésticos, mobles, colchóns, pilas e acumuladores, aparellos eléctricos e electrónicos e restos de pequenas obras e reparacións realizadas nos domicilios.

Unha parte destes residuos corresponde aos enseres que os veciños depositan nas illas de colectores para a súa retirada polos servizos municipais. Os operarios recóllenos e trasládanos ao Punto Limpo, onde permanecen almacenados ata que son retirados polo xestor autorizado. A estas achegas súmanse os materiais que a propia cidadanía leva directamente ás instalacións para facilitar a súa correcta eliminación.

A contratación inclúe residuos perigosos e non perigosos, que precisan procedementos específicos de manipulación, transporte e tratamento segundo as súas características. O obxectivo é garantir que todos os materiais reciban unha xestión adecuada, de acordo coa normativa medioambiental e de residuos, por parte de empresas que conten coas autorizacións administrativas correspondentes.

Con esta licitación, o Concello pretende asegurar a continuidade dunha parte esencial do servizo municipal de recollida de residuos e facilitar á veciñanza a eliminación daqueles materiais que non poden depositarse nos colectores convencionais. A medida busca tamén evitar o abandono de enseres en espazos públicos ou na contorna natural e reforzar a protección ambiental mediante o tratamento especializado dos residuos.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso