Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Concello de Arteixo saca a concurso a explotación da cafetería do Centro Social e Cultural de Suevos

PUBLICACIÓN

O Concello de Arteixo saca a concurso a explotación da cafetería do Centro Social e Cultural de Suevos

27 Jul, 2026 | NOTICIAS

O Concello inicia o procedemento para adxudicar a concesión da explotación da cafetería do Centro Social e Cultural de Suevos, un equipamento recentemente reformado que busca reforzar a súa función como espazo de encontro, convivencia e dinamización social da parroquia.

A cafetería sitúase na planta baixa do edificio, na rúa Cruceiro, 2, e dispón dunha superficie útil total de 143,15 metros cadrados, distribuídos nunha zona de cafetería-comedor de 77,80 m², barra de 13,80 m², cociña de 10,30 m², almacén de 22,90 m² e unha terraza exterior de 18,35 m². O establecemento conta ademais con acceso independente desde a fachada principal e conexión directa co interior do centro social.

A persoa ou empresa adxudicataria poderá ocupar as instalacións municipais e o equipamento existente para desenvolver a actividade de cafetería, asumindo tamén as tarefas de limpeza diaria das instalacións e dos aseos situados na planta baixa, garantindo o seu correcto estado para o desenvolvemento das actividades do centro.

A concesión terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, polo que poderá alcanzar un máximo de catro anos. O canon mínimo anual establécese en 1 euro, unha medida orientada a favorecer a posta en funcionamento do servizo e facilitar a súa viabilidade.

Con esta actuación, o Concello pretende consolidar o Centro Social e Cultural de Suevos como un espazo aberto á veciñanza, promovendo a convivencia e a participación social, ao tempo que impulsa a creación de emprego e a actividade económica na parroquia.

As persoas interesadas poderán consultar toda a documentación e as condicións da licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público.