O Concello de Arteixo consolida o seu papel como referente en innovación tras participar nos encontros internacionais do programa RAPTOR 2026, celebrados en Copenhague entre o 23 e o 25 de marzo. Dous técnicos municipais representaron á institución no marco dos EIT Urban Mobility Community Days, un foro de alto nivel organizado por EIT Urban Mobility.
A presenza de Arteixo nesta cita internacional responde á súa selección como unha das 15 cidades participantes nesta edición, un fito acadado tras competir con máis de 1.000 candidaturas de todo o continente. O municipio comparte espazo de traballo con capitais e cidades da talla de Berlín, Londres, Bruxelas, Helsinki ou Dublín, o que supón un recoñecemento de primeira orde ao traballo desenvolvido polo goberno local no ámbito da transformación urbana.
Durante o RAPTOR Summit, a delegación de Arteixo presentou o seu reto centrado na optimización da mobilidade mediante solucións que melloren a eficiencia e a transición enerxética. Esta proposta espertou un interese sen precedentes no ecosistema europeo, sendo o reto que máis expresións de interese recibiu, cun total de 41 propostas presentadas por entidades de toda Europa para ser testadas en contorno real no noso municipio.
Esta participación inscríbese nunha estratexia máis ampla de internacionalización e captación de recursos. Este ano, o Concello tamén estivo presente en encontros da Rede Raptor en Perugia (Italia) e da Rede Innpulso en Madrid. O obxectivo final é intercambiar boas prácticas e fortalecer o posicionamento de Arteixo para facilitar o acceso a futuras liñas de financiamento de fondos europeos, revertendo directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza.
