Augas de Galicia rematou hoxe a obra de construción dun novo colector entre o areeiro de Suevos e a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, unha actuación que permitirá mellorar a capacidade da rede de saneamento e dar resposta ao incremento de caudais rexistrado nos últimos anos.
A actuación consistiu na execución dun novo colector desde o interceptor de Suevos ata a EDAR de Bens, coa finalidade de evitar os problemas puntuais que se producían durante episodios de fortes choivas. O aumento dos caudais, especialmente tras a conexión do polígono de Morás á rede, provocaba que o colector existente non tivese capacidade suficiente para asumir toda a auga transportada, xerando desbordamentos ocasionais no areeiro de Suevos.
Ante esta situación, o Concello de Arteixo impulsou a colaboración entre as diferentes administracións con competencias nesta materia para buscar unha solución conxunta. Como resultado dese traballo coordinado, asinouse un convenio que permitiu a execución desta nova infraestrutura por parte de Augas de Galicia.
A obra supuxo un investimento total de 2,7 millóns de euros, financiados por varias entidades públicas. A Consellería de Industria achegou 1.065.000 euros, Xestur 734.000 euros, a Autoridade Portuaria da Coruña 518.000 euros e o Concello de Arteixo 393.000 euros.
A finalización dos traballos permitiu tamén a reapertura da estrada que conecta esta zona de Suevos coa praia de Bens e O Portiño. Os labores de sinalización horizontal e pintado da vía completaranse nos próximos días.
Esta actuación supón unha mellora importante para o funcionamento da rede de saneamento e para a protección ambiental da contorna, reforzando a capacidade do sistema para responder ante situacións de choivas intensas.

