O Concello de Arteixo súmase por primeira vez este ano ao festival Pint of Science España, o maior evento de divulgación científica en bares do mundo. Os días 19 e 20 de maio, a nosa localidade acollerá catro charlas nas que investigadores e investigadoras achegarán o seu traballo á cidadanía cun linguaxe sinxelo e nunha contorna cotidiana.
En Arteixo, o festival desenvolverase no bar Latitud (luns 19 de maio) e no bar La Ventana (martes 20 de mayo), ambos a partir das 18:30 horas. O obxectivo desta iniciativa, que este ano chega a 114 cidades de toda España, é establecer un diálogo directo entre a comunidade científica e a sociedade, eliminando a barreira entre o laboratorio e a rúa.
A programación local contará coa participación de figuras destacadas como Cristina Naya, Elena Pazos e Amal Nnechachi (investigadoras da UDC) e Martín Calvelo (investigador de Nostrum Biodiscovery e colaborador da USC). Entre as temáticas que se abordarán atópanse cuestións tan curiosas como a capacidade de «pensar coas mans», o valor dos ríos urbanos ou os segredos da química computacional.
Manuel Regueiro, coordinador de Pint of Science Arteixo e doutor enxeñeiro no ITG, sinala que este festival é «un espazo que busca democratizar a ciencia e achegar o coñecemento complexo de maneira sinxela». O evento é totalmente gratuíto e está aberto a todas as persoas que queiran satisfacer a súa curiosidade científica mentres desfrutan dun ambiente distendido.
O programa completo para as xornadas en Arteixo xa pode consultarse na web oficial do festival.
