O Concello proxecta a creación dunha nova área deportiva e de ocio en O Rañal, no punto de encontro entre o actual paseo fluvial de Arteixo e o paseo marítimo. A iniciativa contempla a reorganización e ampliación dos equipamentos existentes para crear un espazo destinado á práctica deportiva, ao ocio familiar e ás actividades ao aire libre.
O proxecto prevé manter o aparcamento actual e ampliar o pequeno edificio de equipamentos da zona para transformalo nun novo centro cívico. Este espazo cuberto complementará as instalacións deportivas e recreativas que se habilitarán na contorna.
Entre as actuacións previstas figura a creación dun novo parque infantil, acompañado dunha área de elementos biosaludables destinada a fomentar a actividade física entre as persoas adultas e maiores. Tamén se construirá un parque forestal, pensado para favorecer o contacto coa natureza e ofrecer novas zonas de descanso e estancia.
A proposta inclúe ademais unha ampla zona deportiva con varias pistas ao aire libre destinadas a diferentes disciplinas. O obxectivo é reunir nun mesmo espazo distintas posibilidades para practicar deporte, con instalacións abertas a persoas de todas as idades.
O investimento municipal previsto achégase ao millón de euros.
A elección de O Rañal responde á importancia que este enclave adquiriu dentro da rede de espazos públicos e naturais do municipio. É unha das zonas máis frecuentadas de Arteixo, tanto polos percorridos peonís como polas persoas usuarias do servizo municipal de préstamo de bicicletas BiciArteixo.
A súa localización, próxima á praia e a diferentes paraxes naturais, así como a conexión entre o paseo fluvial e o paseo marítimo, fan deste lugar un punto de paso e encontro para quen busca pasear, practicar deporte ou gozar da natureza.
Coa actuación, o Concello pretende reforzar os servizos e equipamentos dunha contorna cada vez máis utilizada e ampliar a oferta de espazos públicos destinados á actividade física, ao ocio familiar e á convivencia.

