O goberno municipal levará ao pleno do vindeiro xoves un modificado de crédito que inclúe unha partida de 677.000 euros para a reforma integral da travesía de Oseiro. O proxecto céntrase no tramo comprendido entre a rotonda de Sabón e o portal número 28, zona que presenta necesidades de mellora tanto na mobilidade de vehículos como na seguridade peonil.
A actuación prevé unha renovación completa da accesibilidade coa unión de tramos de aceras inconexos e a rehabilitación de firmes e pavimentos. Entre as melloras técnicas destaca o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións para suprimir barreiras arquitectónicas, así como a renovación das redes de saneamento, pluviais e abastecemento de auga.
O proxecto tamén inclúe a reordenación das prazas de estacionamento, a mellora da marquesina da parada de autobús e a instalación de novo mobiliario urbano. Con esta intervención, o Concello busca homoxeneizar este espazo coas reformas levadas a cabo noutros puntos do municipio, priorizando o uso veciñal e a seguridade viaria.

