O Concello de Arteixo celebrou hoxe a comisión de urbanismo de seguimento sobre a elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Durante a sesión, os grupos políticos foron informados sobre o estado actual dos traballos realizados pola empresa redactora, Monteoliva Arquitectura, destacando que xa se completou o envío das peticións oficiais de informes aos organismos competentes da Xunta de Galicia e da Administración do Estado.
Neste sentido, departamentos como Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural, Augas, Infraestruturas, Economía e Industria, Montes, Medio Ambiente, Medio Rural ou a Subdelegación do Goberno recibiron nos últimos meses a documentación necesaria para emitir os seus correspondentes informes técnicos, fundamentais para a elaboración final do plan de Arteixo.
O novo plan estratéxico marca como obxectivo prioritario a preservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural. No eido ambiental, o documento deberá adaptarse á integración do litoral municipal na Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte da Rede Natura 2000, así como no ámbito da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O reto técnico consiste en protexer toda a riqueza do termo municipal baixo as normas en vigor.
No ámbito cultural, o PXOM prevé a actualización do catálogo de monumentos e conxuntos histórico-artísticos. Esta revisión permitirá inventariar e preservar bens como os xacementos castreños, así como a arquitectura relixiosa e civil que deba ser obxecto de protección.
A redacción do plan ten en conta a posición industrial de Arteixo, que concentra un dos volumes empresariais máis importantes de Galicia. As Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) sitúan o municipio dentro dos espazos industriais da rexión da Coruña grazas á conectividade da AG-55 e a A-6.
O PXOM afronta a consolidación de tres grandes superficies de solo industrial: o parque empresarial de Morás, o polígono de Sabón —que alberga arredor de cen empresas, emprega directamente a preto de 7.500 persoas e acolle a sede central dunha das maiores empresas por capitalización bolsista de España— e o Porto Exterior de Punta Langosteira. O obxectivo é asegurar unha posición privilexiada para espazos loxísticos e industriais asociados á infraestrutura portuaria.
O reforzo das infraestruturas viarias, enerxéticas, de servizos e as denominadas infraestruturas verdes será outra das prioridades para articular o territorio e mellorar a mobilidade. O proxecto busca prever actuacións de mantemento, reforzo e ampliación baseadas en criterios de crecemento lóxico e orgánico.
Finalmente, o plan pon o foco na vivenda como eixo para fixar poboación no rural e modernizar os tecidos urbanos. Arteixo conta con catro núcleos urbanos consolidados (Meicende, Pastoriza, Vilarrodís e Arteixo), mentres que o resto do territorio se compón de núcleos rurais, nados maioritariamente arredor de conxuntos de igrexas e cun crecemento disperso vinculado ás vías de comunicación que articulan a relación cos concellos lindeiros.
