O Concello de Arteixo pon en marcha durante o mes de setembro un novo ciclo de actividades no Centro Mar de Sorrizo, con catro propostas gratuítas centradas na divulgación, conservación e posta en valor do patrimonio natural, cultural e marítimo do litoral arteixán.
O programa está financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e a Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur, e ofrece actividades dirixidas a públicos de diferentes idades co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento e a protección da contorna litoral.
O 18 de setembro terá lugar a sesión de Contacontos e pequenos mundos, inspirada en Tiddler, de Julia Donaldson. Ao día seguinte, o 19 de setembro, desenvolverase o obradoiro A vida dentro dunha pinga de auga de mar, no que as persoas participantes poderán coñecer o plancto e a vida mariña mediante a observación con lupas binoculares e microscopios.
O programa continuará o 23 de setembro co obradoiro Natureza e ecoturismo, centrado no coñecemento de formas de turismo máis sostibles e respectuosas co territorio. O 25 de setembro celebrarase Monstruos e Tesouros do mar, unha actividade que abordará a problemática do lixo mariño desde unha perspectiva artística.
As catro actividades terán lugar no Centro Mar de Sorrizo e serán de carácter gratuíto. As persoas interesadas deberán realizar a inscrición con 48 horas de antelación a través do calendario de eventos da páxina web do Concello de Arteixo.
