O Concello de Arteixo, a través da concellaría de cultura, continúa coa súa programación cultural InvernArte este venres, 20 de marzo. O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía será o escenario da presentación de “Os nomes íntimos”, un proxecto musical e literario protagonizado por Lucía Aldao e Samuel Merino.
A función, dirixida especificamente ao público adulto, dará comezo ás 20:30 horas. A obra parte dunha profunda experiencia persoal dos autores para construír unha reflexión compartida sobre a identidade. A través dunha combinación equilibrada de palabra e música, os intérpretes exploran a orixe e o peso dos nomes que definen a cada persoa dende a intimidade.
Cunha duración estimada de 75 minutos, o espectáculo ofrece unha linguaxe artística contemporánea e próxima. As entradas poden adquirirse tanto de xeito presencial no despacho de billetes como a través da plataforma de venda online, con prezos que oscilan entre os 3 euros (entrada xeral) e os 2,25 euros (entrada reducida).
