Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Arteixo abre a XIX edición de Espazos Sonoros cunha xornada de música e patrimonio en San Tomé de Monteagudo

/ Arteixo abre a XIX edición de Espazos Sonoros cunha xornada de música e patrimonio en San Tomé de Monteagudo

A igrexa de San Tomé de Monteagudo será o escenario este sábado 5 de setembro da apertura da XIX edición do festival Espazos Sonoros, organizado pola Deputación da Coruña a través do Servizo de Patrimonio e Contratación. A xornada combinará a divulgación do patrimonio coa música antiga nun dos espazos históricos máis singulares de Arteixo.

A programación comezará ás 18.00 horas coa actividade Coñece o teu patrimonio, unha visita guiada á igrexa de San Tomé de Monteagudo e á súa contorna a cargo de Estefanía López Salas, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

A visita permitirá coñecer a historia deste singular templo, unha pequena igrexa de tres ábsidas románicas situada nunha contorna cunha importante pegada patrimonial medieval. A participación será libre e non será necesaria inscrición previa. O punto de encontro estará no adro da igrexa ás 18.00 horas.

Ás 20.00 horas, a igrexa acollerá o concerto de Le Miroir de Musique, unha das formacións internacionais especializadas na interpretación da música medieval. O grupo presentará o programa Ars Trobar Italica. O legado dos trobadores na Italia medieval, unha viaxe pola poesía occitana na Italia medieval.

A formación estará integrada nesta ocasión por Miriam Trevisan, soprano; Jacob Lawrence, tenor e fídula; e Baptiste Romain, fídula, gaitas e dirección. Vinculado á nova xeración de intérpretes formada arredor da Schola Cantorum Basiliensis de Suíza, o conxunto está especializado na música de transición entre a Idade Media e o Renacemento.

Espazos Sonoros desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro en diferentes espazos da provincia da Coruña, con concertos acompañados de actividades relacionadas co patrimonio. Tras a súa apertura en Arteixo, o festival continuará por Betanzos, Vilasantar, A Pobra do Caramiñal, Malpica de Bergantiños e Oza-Cesuras.

A programación culminará o 8 de outubro coa terceira edición do Serán Galego en Viena, organizada en cooperación coa Sargfabrik da capital austríaca.