O Concello activará un dispositivo especial de mobilidade, seguridade e emerxencias con motivo do eclipse solar do vindeiro 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional para o que se agarda unha importante afluencia de visitantes, especialmente na franxa costeira do municipio.
Co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza e das persoas visitantes, o Concello recomenda acceder ás praias e aos principais puntos de observación camiñando, empregando preferentemente o paseo fluvial e o resto de itinerarios peonís que conectan o núcleo urbano coa costa.
Como parte do operativo, a partir das 16:00 horas procederase ao peche do tráfico rodado nos accesos ás praias e ao parque de Monticaño. Poderán acceder únicamente os vehículos das persoas residentes. A medida permitirá mellorar a seguridade nas zonas de maior concentración de persoas, facilitar o acceso dos servizos de emerxencia e evitar problemas de circulación derivados da elevada afluencia prevista.
Os accesos volverán abrirse de maneira progresiva ás 21:30 horas, unha vez finalizado o eclipse.
O dispositivo contará con máis de 50 efectivos entre Policía Local e Protección Civil, ademais dun Posto de Mando Avanzado situado na costa, desde o que se coordinarán todos os servizos implicados e se realizará o seguimento do operativo en tempo real.
Ademais, o Concello ampliará o servizo de socorrismo nas praias ata as 22:00 horas, reforzando a atención durante toda a xornada.

O Concello de Arteixo fai un chamamento á colaboración cidadá para seguir as indicacións dos efectivos de seguridade, planificar os desprazamentos con antelación e priorizar os percorridos peonís. O mapa cos puntos exactos dos cortes de tráfico e toda a información do dispositivo poden consultarse na web municipal.
