A programación do Outono Cultural continúa este venres 9 de outubro coa estrea de Estuario, unha peza de teatro e danza de Amarelo Cía que poderá verse ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cultural de Arteixo Manuel Murguía.
Dirixida a todos os públicos a partir de 6 anos, a obra ten unha duración de 50 minutos e emprega o teatro físico e a comicidade para abordar a dificultade de cambiar, a necesidade dos outros e eses espazos de tránsito nos que deixamos de ser o que eramos sen saber aínda en que nos converteremos.
A autoría corresponde a Laura Porto, mentres que Julia Laport e Nacho Martín asumen a dirección. O elenco artístico está formado por Uxía Algarra, Raquel Crespo e Mario Rodríguez.
As entradas teñen un prezo de 4 e 3 euros.