A asociación Melandrainas Asociación presenta este mes de setembro unha carteleira formada por tres espectáculos teatrais que se representarán no Auditorio do Centro Cívico Cultural. Todas as funcións comezarán ás 20.00 horas e terán entrada libre ata completar a capacidade da sala.
A programación comeza o venres 18 de setembro con Entre bambalinas, unha obra dirixida ao público familiar que sitúa á compañía xusto antes de levantar o pano, durante o seu último ensaio. Un imprevisto pon en perigo a función e dá paso a unha divertida farsa na que saen á luz os mellores e peores segredos do mundo do teatro.
O sábado 19 de setembro será a quenda de Encerrados, tamén para público familiar, a obra presenta un grupo de persoas sen relación entre si que esperta atrapado entre as ruínas dun vello teatro. Convencidos de que padecen unha estraña infección que xustifica o seu illamento, a paranoia aparece mentres medran as sospeitas e as teorías sobre a orixe do virus. A pregunta que os obsesiona é se haberá unha saída ao final deste encerro médico.
A carteleira pecharase o sábado 26 de setembro con Asemblea de mulleres, unha proposta recomendada para maiores de 12 anos, que parte da situación das mulleres de Atenas, que se disfrazan de homes, entran na asemblea e conseguen que se vote entregarlles o poder para salvar a república do desastre. Xa no goberno, establecen un réxime de propiedade común, pero a utopía pronto se atopa con insólitas e divertidas dificultades. Trátase dunha comedia clásica arredor do poder e da igualdade.
As tres representacións terán lugar no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
