Ao longo da próxima semana levaranse a cabo os traballos de retirada de lodos na lagoa do Parque Central de Arteixo, actuación integrada no proxecto “Londra Arteixo – Rexeneración do Hábitat”. As intervencións prográmanse seguindo as recomendacións recollidas no informe emitido o 28 de xaneiro de 2025 polo Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co obxectivo de minimizar as afeccións ao medio ambiente. O período escollido coincide coa finalización das épocas de cría de aves, anfibios e mamíferos.
A retirada de lodos realízase de forma periódica para evitar a colmatación da lagoa polos sedimentos arrastrados polos ríos Bolaños e Bidueiro. Os traballos de dragado, así como a retirada de troncos e ramas, requiren reducir o nivel da lámina de auga, para o que se procederá á apertura da compuerta existente no azud.
O proxecto “Londra Arteixo – Rexeneración do Hábitat” conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
As actuacións previstas no proxecto inclúen a rexeneración de tramos de leitos fluviais, a plantación de arborado de bosque de ribeira e a recuperación de hábitats naturais. Estas intervencións reforzan o papel dos cauces mellorados como parte da infraestrutura verde municipal e consolidan o paseo fluvial como eixe vertebrador do núcleo urbano de Arteixo.

