Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Arteixo celebrou a súa tradición máis primaveral coa entrega de premios do 11º Concurso de Maios

/ Arteixo celebrou a súa tradición máis primaveral coa entrega de premios do 11º Concurso de Maios

A Avenida do Balneario de Arteixo converteuse hoxe no escenario idóneo para acoller o 11º Concurso de Maios do Concello de Arteixo. Trátase dunha cita consolidada que, un ano máis, busca poñer en valor as nosas tradicións, a creatividade veciñal e o respecto polo patrimonio natural de Galicia. Os maios participantes encheron de cor e natureza esta céntrica rúa durante toda a mañá de hoxe.

Tras a pertinente revisión e deliberación das propostas expostas, o xurado técnico, que estivo presidido por Aránzazu Fernández Fernández con delegación da Concellaría de Cultura e Xuventude, reuniuse ás doce do mediodía para emitir o seu ditame por unanimidade. A orixinalidade, a complexidade da construción artesanal e o uso axeitado de materiais tradicionais foron os criterios clave para decidir os galardóns desta edición.

Os premios, dotados con 400 euros por categoría, repartíronse entre tres entidades locais. O Premio Maio Tradicional foi concedido á ANPA Escola de Larín polo seu maio titulado «Refuxio Lariñeiro», que acadou unha puntuación total de 21 puntos grazas a un deseño fiel ás estruturas clásicas en forma de pirámides, cruces ou conos elaboradas exclusivamente con elementos vexetais e naturais da nosa terra. Pola súa banda, o Premio Maio Artístico foi outorgado á Asociación de Veciños Playa de Alba coa obra «O Maio Mariñeiro», peza que logrou a máxima puntuación da xornada con 26 puntos grazas á libre e artística recreación de escenas cotiás do mar. Finalmente, o Premio Especial para Centros Educativos recaeu no CPR Agarimo coa proposta «O Sol é a Clave», que obtivo unha valoración de 24 puntos pola súa calidade e o gran traballo en equipo realizado no eido escolar.

Dende as oito da mañá, os colectivos e entidades participantes encargáronse de encher de vida a Avenida do Balneario coas súas creacións, respectando escrupulosamente as premisas ecolóxicas do certame, o cal prohibe terminantemente o uso de calquera especie vexetal protexida.

Dende a Concellaría de Cultura e Xuventude queren expresar o seu sincero agradecemento a todas as asociacións, centros escolares e veciños que, co seu esforzo artesanal e a súa implicación, fan posible que Arteixo siga mantendo viva unha das celebracións máis fermosas e senlleiras da primavera galega. As obras permanecerán visibles para o desfrute de toda a cidadanía durante as vindeiras xornadas e aqueles participantes que o desexen poderán retirar as súas composicións o vindeiro luns 1 de xuño.